Sinopse “As máscaras de Ibáñez”


“E aquí estou. Pasaron 215 anos …. É de xustiza ter a ocasión de reivindicar a miña memoria.”

Así fala o noso personaxe. O teatro fai posible darlle voz ao ausente para que a súa verdade irrompa no escenario.

E isto foi o que nos moveu a crear o personaxe Ibañez. A súa figura histórica como rico comerciante e artífice en Sargadelos, Galicia, dos primeiros Altos Fornos de España, está tan rodeada de loias e mentiras que quixemos darlle esa posibilidade.

Porque morreu asasinado. Aconteceu en Ribadeo o 2 de abril de 1809, na data de entrada na vila das tropas asturianas que viñan liberala da ocupación francesa.

Foi a consumación dunha vinganza anunciada. Un exemplo máis, nesta ocasión con final tráxico, da oposición entre o intento de renovación e a reacción contraria.