“Almas na Gloria: Don Paco”

Avelaíña Teatro presenta o novo espectáculo Almas na Gloria”. Con él quere sumarse á merecida homenaxe que este ano Galiza enteira lle tributa ao don Francisco Fernández del Riego, a quen lle dedica a Festa das Letras Galegas.

É un relato de “memoria histórica” no que se presentan os episodios, que aconteceron entre os anos trinta e setenta do século pasado, nos que Don Paco tivo un protagonismo relevante.

Nesa longa noite de pedra, azoutada polo furacán do terror, un grupo de intelectuais galeguistas teñen conciencia da situación de caídos, mais non se resignan a fatalidade do destino fascista senón que, na clandestinidade, buscan estratexias para reincorporarse e restaurar a lexitimidade republicana.

Os diálogos tómanse, no sentido etimolóxico da palabra, como a procura, mediante o intercambio de argumentacións, do camiño máis razoable para saír da escuridade e dos seus monstros.

O xenial Antonio Simón, que goza dun talento especial para a dirección, escenografía e iluminación, presenta un espectáculo asombroso. Os personaxes da longa noite, viventes na memoria, móvense nun escenario onírico de cemiterio, no que alternan entre o lusco da conciencia de onde emerxen á luz como protagonistas da escena e o fusco do inconsciente no que se somerxen como sombras en movemento ou como bustos chantados agardando o tempo de metamorfosearse no novo personaxe da nova secuencia. Nese xogo de lusco e fusco, de aparecer como personaxe e de esmorecer nas sombras, van aflorando á memoria os episodios vividos nos anos de hisopos e pistolas.

O soño, irmán da morte, como linguaxe plástica e lugar de encontro, xera a situación na que a dinámica da conciencia posibilita ese xogo entre a memoria e a fantasía e dota a totalidade de significado.

.

.

..

________________________________________________________

.

O texto de “Almas na Gloria: Don Paco” foi escrito por Manolo Ayán e comeza así:

Festa das Letras Galegas

1

O Álvaro, o R. O. Pedrayo e o Ricardo C. Calero. Esperan no cemiterio polo Francisco Fernández del Riego para celebrar a Festa das Letras Galegas na súa honra. É o día dezasete de maio do ano 2023.

ÁLVARO: Paco, espílete, que levamos tres anos a agardar por ti.

PEDRAYO: Pasaríalle algo? O Paco sempre chegou en punto.

ÁLVARO: Unha miga adiantado. Sempre andou unha miga adiantado.

PEDRAYO: O nó da garabata. Ben seguro que se enredou co nó da garabata. Hoxe estreará  garabata, digo eu.

CARBALLO: Estrea ho!. Garabata e traxe. Hoxe o Paco non pasa por menos.

ÁLVARO: Iso corre da man da Evelina. Ela déixalle a roupa ben aquelada antes de se iren á cama.

PEDRAYO: Levo unha miga pensando no caso. A miña reflexión lévame a concluír que a causa do atraso ten que ser o nó da garabata.

ÁLVARO: Pedrayo, estás a fundamentar o teu razoamento no vestiario e non vas ó quid da cuestión. A motivo ten que ser algo máis máxico.

CARBALLO: Cunqueiro, que non estamos para meigallos nin par feitizos. Hoxe, festa rachada.

PEDRAYO: Dinos, pois, Ricardo, cal é o quid da cuestión?

CARBALLO: O peiteado. O peiteado para o Paco é un ritual. O Paco estarase a demorar na barbería do Pallarego.

ÁLVARO: Foi que lle pasou algo. Algo máxico lle pasou. Pasou. Pasou. Algo máxico. Iso é o que lle pasou.

PEDRAYO: E que foi o que lle pasou?

… … …

_________________________________________________________

Para ler, imprimir ou descargar o texto completo, premer na seguinte ligazón: Texto completo “Almas na Gloria: Don Paco”

.

..

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.

.