A Pobra do Brollón

Por fin! Avelaíña Teatro representou a obra “María Castaña” nas Terras onde posiblemente, hai moitos anos, se desenvolveron os feitos que se narran na obra de Manolo Ayán. Foi o día 15 de decembro, baixo a dirección de Antón Lamapereira, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón.

Un espectáculo entrañable, polo agarimo amosado no recibimento que nos fixeron, tanto as autoridades, Alcalde e Concelleiro de Cultura, como o público ao que non  sabemos como agradecerlle as achegas de afecto que nos mostraron, tendo en conta que moitos deles tiveron que ver a representación de pé, ao ser maior o número de asistentes que a capacidade do local.

Fixo a presentación o  Señor Alcalde da Pobra do Brollón, cun discurso que reproducimos a continuación:

 Presentación do Sr. Alcalde

Se a unha árbore se lle secan as raíces, pronto lle podrecen as ramas e en seguida todo el morre.

Nós, os que somos desta comarca, case temos as raiceiras secas a causa do esquecemento da nosa historia e dos descoidos en recordala e contala. E temos as ramas podres a causa das mentiras e das calumnias repetidas en contra dos nosos antepasados.

Estamos enraizados na tribo dos guímaros, tribo de xente honrada, forte, sólida e traballadora, que defendía con valor e coraxe os seus dereitos.

Foi por iso polo que os nobres, que pretendían enriquecerse e vivir regaladamente á costa do traballo dos guímaros e non o conseguían, como foron os condes de Lemos e os bispos de Lugo, deron en criminalizalos e en darlle un significado negativo as súas boas cualidades. Así mudaron “tribo honrada” por “xente salvaxe” e onde debían dicir “defensores dos dereitos” dixeron “asasinos” e aos “traballadores do campo” chamáronlles “primitivos” e aos “fortes”, “rudos” … E predicaron as súas mentiras nos púlpitos e repetíronas en público e en privado e usaron o nome dos guímaros como insulto, e nós chegamos a crer que os guímaros era xente primitiva, perigosa, salvaxe … E algúns, aínda hoxe, pretenden ofendernos chamándonos guímaros. Non o conseguen porque ese nome xa identifica asociacións e rúas deste concello, é a auga que de novo rega as raiceiras da nosa árbore e lle aporta nova seiva para que teña unha longa vida digna.

Mª Castaña liderou a tribo dos guímaros e defendeuna das agresións do bispo de Lugo. Foi por iso, e para que non servira de mal exemplo, polo que foi borrada da Historia escrita e condenada ao esquecemento. É hora de reivindicala como unha das mulleres senlleiras desta comarca e de poñela no lugar que lle corresponde aquí e no mundo.

.

Galería de Fotos da Pobra do Brollón

.

.

.

.

.

.

.

.

Advertisements